No día de onte a Factoría Ronsel fixo eco da figura de María Miramontes.
A Casa-Museo súmase á reivindicación da figura de María, muller galega nada no ano 1895 en Bergondo.
A información que recolle Ronsel a redor da figura de María no seu perfil no día de onte é a seguinte:
“De todos os esquecementos da historia galega, un dos máis vergoñentos é
o de María Miramontes. Se Castelao dixo do seu home, Ánxel Casal,
aquelas fermosas palabras de "Fixo máis por Galiza que todos nós", sen
dúbida ela fixo tanto como Casal. Nacida en Bergondo en 1895, militou
nas Irmandades da Fala. Desde o seu taller de costura saíron os cartos
para a editorial Nós, para A Nosa Terra, para as Escolas de Insiño en
Galego e para infinidade de proxectos colaborando tamén, de forma
importante, no sostén económico das Irmandades e do Partido Galeguista.
Incluso cando Ramón Suárez Picallo volta de Madrid despois de perder a
súa acta de deputado (con 50 pesetas no peto e como di Luis Seoane con
todo o que tiña nun fardel de mariñeiro) é o taller de costura quen
sufraga os gastos dos seus estudos. Por suposto cose tamén os libros da
editorial Nós e de Lar e colabora activamente na campaña do estatuto.
Cando o seu home é asasinado na guerra civil, María marcha a Bos Aires
onde atopa a amizade da familia Dieste e de Luis Seoane. Este, cando
morre María en 1964, escribe un artigo para Galiza Emigrante laiándose
do esquecemento no que caeu a súa figura e di: "... estraía os seus
aforros do seu traballo de modista para invertilos nos deficts de A Nosa
Terra, da revista Nós, dos temas dos Arquivos do Seminario de
Estudos...". Sen dúbida, ela fixo por Galiza máis do que ninguén”
Pouco a pouco coñecemos un pouco máis sobre figuras esquecidas, figuras non coñecidas ou figuras pouco reivindicadas.
Parabéns á Factoría Ronsel por achegarnos á figura de María Miramontes.
No hay comentarios:
Publicar un comentario